Featured

Valentín García salienta que o Certame de Poesía Díaz Jácome contribúe ao fomento da creatividade en lingua galega - España

Fuente: http://www.edu.xunta.es/portal/node/17860

O Concello de Mondoñedo acolleu esta mañá a entrega de premios do XVI Certame de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, un acto que contou coa presenza do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Na súa intervención, o responsable de Política Lingüística da Xunta destacou a importancia destes certames para estimular a creatividade en lingua galega entre un sector tan sensible para o futuro da lingua como é o da mocidade, á que animou “a empregar o idioma propio de Galicia oralmente e por escrito, por activa e por pasiva, en calquera momento e situación”.

Cómpre destacar a implicación e axuda que a familia Díaz Jácome segue a brindarlle a este certame, colaborando coa entidade convocante e coa súa presenza nos actos de entrega do premio. De feito este galardón tamén pretende lembrar e honrar a figura do escritor Xosé Díaz Jácome (1910-1998), natural de Mondoñedo, quen ao longo da súa carreira xornalística promocionou o labor dos novos valores literarios.

Nesta decimosexta edición, o primeiro premio, dotado con 1.500 euros, correspondeulle a Mateo Buján (de 18 anos de idade), polo seu conxunto poético ‘Ti víchesme o outro día’. O segundo premio, dotado con 600 euros, foi para Antía Juncal (de 21 anos de idade), polo seu conxunto poético ‘Turxencia na pel’. Pecha o palmarés, co terceiro premio, Raúl Costas (de 18 anos de idade), por ‘Actualidade’, traballo polo que lle corresponderon 300 euros.

A historia do Certame Díaz Jácome
No 2000, o certame naceu como Premio Xosé Díaz Jácome de Poesía para distinguir o labor lírico dunha vida, pero baixo esta modalidade só fora convocado naquela ocasión, na que resultara gañador Xosé Luís Méndez Ferrín. A partir do ano seguinte, o 2001, convócase, de xeito ininterrompido, como un certame destinado a potenciar a escrita dos máis novos e nel foron galardoados autores hoxe xa cunha sólida andaina no circuíto literario galego como Estíbaliz Espinosa, Lucía Novas, Alicia Fernández, Oliver Escobar, Diana Varela, Xurxo Martínez, Elías Portela, Xosé Daniel Costas, Xesús Castro ou Andrea Maceiras.