Poden participar adultos e cativos que presenten pezas de poesía ou narrativa en galego.
O Certame Literario de Ames encara unha nova edición, a número 22, co propósito de impulsar un ano máis a creación literaria en galego e a cultura propia. O alcalde amesán, Blas García, e a técnica de Normalización Lingüística do Concello, Rosa Moreiras, presentaron onte as bases dun certame que se converteu nunha «plataforma de lanzamento para escritores noveis».
.
Este ano o certame mantén as súas dúas modalidades: narrativa e poesía. Cada unha delas componse de tres categorías por franxas de idade: nenas e nenos de ata 13 anos, mocidade de entre 14 e 17, e participantes de 18 anos en diante. Haberá galardóns en metálico por cada unha destas categorías e editarase un libro colectivo cos textos premiados.
.
O xurado estará composto por tres persoas do ámbito literario, e un responsable municipal actuará como secretario. Valoraranse a técnica, a orixinalidade, a calidade lingüística e literaria, a composición, a cohesión, o contido ou a estrutura da obra.
.
Os ganadores anunciaranse o 10 de xuño
A decisión do xurado anunciarase o día 10 de xuño e a entrega de premios terá lugar o 14 dese mes na casa da cultura do Milladoiro. O prazo para enviar os textos, inéditos, remata o 30 de abril.
.
Na presentación do certame, o alcalde, que exerce as competencias de Normalización Lingüística, puxo o énfase no «éxito» e no «gran prestixio» do que segue gozando a iniciativa 22 anos despois da súa posta en marcha. «Non só son importantes os premios e contías económicas que se dan nos concursos, senón o prestixio co que contan», subliñou.
.
Por El Correo Gallego