No «Bosque» de Antón Blanco Casás (Vilagarcía de Arousa, 1996) vive un neardental, a especie humana coa que cohabitaron os nosos devanceiros, que entende o lugar no que habita a través dos cincos sentidos.
É un espazo no que o ser humano é secundario, no que o mundo vexetal, xeolóxico e animal priman máis que nada. Este «Bosque» é o novo poemario gañador do premio Victoriano Taibo, un dos máis relevantes da poesía en galego e que, cada ano, organizan o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), o Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia. «Foi un notición, unha gran alegría», recoñece Antón. Para el, é un orgullo unirse á familia de gañadores dun premio dotado con 4.000 euros e que tamén supón a publicación do poemario coa editorial decana de Galicia.
.
Para Antón a poesía, como ben se pode percibir nos versos de «Bosque», é «unha capacidade que pode ter a linguaxe para pensar dende outro punto de vista as cousas». O xurado, formado pola filóloga e tradutora Emma Lázare, a mestra e presidenta de Espazo Lectura, Yaiza Peixoto, a profesora e poeta gañadora da edición anterior, Masha Álvarez, por Támara Andrés, escritora e tradutora en nome da Editorial Galaxia e polo representante do IEM, Miguel Anxo Mouriño, destacou do poemario a súa «voz épica e lírica a un tempo», consideración que sorprendeu ao autor, xa que non se considera un poeta moi lírico. «Creo que escribo dende un punto de vista máis civil, é dicir, interésame máis falar da relación do ser humano cos espazos que habita», explica. Pensa que o lector do seu poemario «vai realizar unha incursión no bosque para ser parte del».
.
No poemario os sentidos están ben presentes. Son versos nos que os sons, o cheiro e o tacto están vivos. «Por exemplo, hai unha parte importante do texto adicada aos paxaros», lembra. Ademais do neardental, tamén hai unha pantera perfumada, en referencia ao animal que Dante introducira na súa «Divina Comedia». É unha peza importante de «Bosque», de feito «tamén pensei en chamalo Pantera», explica.
.
O poemario será un novo chanzo na traxectoria de Antón, un camiño que comezou coa publicación de «A oseira» (Chan da Pólvora, 2016) con 20 anos e que continúa a sumar éxitos con 28. «Antes tiña máis tempo para escribir, pero agora a vida laboral pasa por riba», confesa. É profesor de galego nun instituto e conciliar a creación coa vida diaria non é tan doado. Tampouco lle preocupa. «Escribir é unha disposición mental e anímica e eu non sinto ningún tipo de esixencia», confiesa. É unha actividade que lle gusta, á que lle da importancia, «como a de saír en bicicleta».
.
Antón tamén considera que a poesía debería ter máis presencia nos colexios e institutos. El, como docente, pensa que a literatura está «moi condicionada pola cuestión lingüística e histórica nun currículo no que pesa moito máis a narrativa», indica. «Creo que a poesía pode ser unha ferramenta do máis interesante nos colexios. Ensina aos rapaces a pensar doutra maneira e iso é moi positivo. Por exemplo, cando na aula traballamos con algún poema adoitan preguntar os significados das palabras, pero o máis importante da poesía son as sensacións que se van tendo e onde nos levan», reflexiona. Opina que seguro que hai moito profesorado que estaría encantado de introducir e traballar máis coa poesía, «pero cos ratios actuais é imposible». Insiste en que con tanto alumnado non se pode adicar o tempo que se precisa á poesía.
.
Obradoiro poético
.
Como gañador do premio Victoriano Taibo, Antón impartirá un obradoiro de poesía de 18 horas na sede do Instituto de Estudos Miñoranos en Gondomar entre xaneiro e marzo do ano que vén. No IEM lembran que será totalmente gratuíto e que a través destes obradoiros está a crecer un grupo poético no Val Miñor. O alumnado do taller con Masha Álvarez, gañadora no 2023, xa organizou varios recitais este ano.
.
Por Pedro Rodríguez